ENTREVISTAMOS A
GUILLERME
de "QUEMPALLOU"
Entrevista realizada no programa de "RADIO ONS" DURANTE O CURSO 2014-2015 polos alumnos de 2º ESO do IES ILLA DE ONS de Bueu.
Con
máis de quince anos
de traxectoria artística, Quempallou é unha das bandas máis
representativas do folk galego, levando a festa por bandeira en cada
concerto, pero sen esquecer unha clara mensaxe de compromiso social.
Eles
fan música de raíz dende un punto de vista actual, sen complexos
nin ataduras, tendo sempre claras as súas orixes pero mirando cara
adiante en todo momento.
Ou
polo menos isto é o que di a vosa páxina web. Toda unha declaración
de intencións.
Queres
engadirlle algunha cousa máis?
GUILLERME:
Ola,bos días a todos e a todas.
Levamos
un montón de anos tocando..., tantos, que xa tocamos neste instituto
antes de que vós estiverades aquí estudando.
Levamos
16 anos facendo música folk.
Sabedes
o que é a música folk? A música folk é unha especie de música
tradicional actualizada.
Sabedes
o que é a música tradicional? A música tradicional é a que
recolle a tradición de pais e fillos. Nós collemos esas músicas e
facemos un pouco o que nos parece.
Pregunta:
Prefires ser mestre ou actuar?
GUILLERME:
Pregunta complicada, porque á parte de ser mestre eu son mestre de
música e sabedes que a música é unha pasada.
Así
que as dúas cousas son moi, moi interesantes e enchen e complementan
a miña vida.
Pregunta:
Quen creou o grupo “Quempallou”?
GUILLERME:
O grupo Quempallou creárono 5 mozos de Bueu e 2 do Incio.
Os
do Incio continúan e de Bueu só quedo eu agora mesmo. Naqueles
momentos, de Bueu eramos á parte de min, 2 irmáns de aquí, do
Ramal dos Galos: Anxo e Mui Novas... e logo estaba Bernardo que toca
o tamboril, que para min é o mellor tamborileiro deste país, e logo
había tamén un buzuquista (o buzuqui é unha especie de guitarra
con caixa en forma de corazón e catro cordas dobres), que é un gran
musico deste concello, que é Álex Torresquesana.
Pregunta:
Cando empezaches no grupo “Quempallou”?
GUILLERME:
Eu son un dos membros fundadores e levamos 16 anos. Nacimos no 1999,
polo tanto, como membro fundador estaba daquelas.
Pregunta:
Por que decidistes chamarlle “Quempallou”?
GUILLERME:
Quempallou é unha palabra que inventaron os compañeiros do Incio,
que como sabedes é un concello que está na provincia de Lugo.
Ten
unha pequena historia, vén de cando se facían as mallas mecanizadas
nos anos 50, levaban unha máquina moi grande que por un lado metíase
a palla co gran e polo outro lado saía a palla limpa, é o que se
chama unha “malladora”.
Cando
estaban mallando este gran, centeo, trigo ou o que fora, poñíanse a
meter palla co gran os máis novos e a sacala os máis vellos, e
tiñan como un pique, dicían:”A ver, metede máis palla, que sodes
uns chaíñas e non facedes nada”, e os máis novos picábanse e
comezaban a meter e a malladora “empallaba”, que se atrancaba, e
tiñan que dicir “Eh, parade que empallou!, e de aí vén
QUEMPALLOU.
Pregunta:
Como foi iso de entrar no mundo da música?
GUILLERME:
Pois así, nas orixes nas orixes, sempre me gustou a música, sempre
escoitei a música no coche dos meus pais. Cando iamos á aldea
escoitaba música, e dentro desa música ían os discos de moda dos
anos 80, que eu era un rapaz, e entre esa música había un grupo moi
famoso, que era tan famoso como os Rolling Stones, e que se chamaba
“Fuxan os Ventos”, e todo o mundo o escoitaba e todo o mundo o
tiña. Era un grupo de música galega, e tamén había outros como
Milladoiro que todo o mundo escoitaba e eu tamén escoitaba, e
gustábame esa música, e empecei a coller a frauta da miña nai que
había alí na casa.
Cando
era un pouquiño máis novo ca vós empecei a tocar pola miña conta
aquelas músicas que eu escoitaba de orella, e empeceime a meter, e
cando a miña nai viu que me gustaba meteume no coro, despois noutros
coros, e despois, cando tiña 15, foi cando me metín na música
tradicional directamente e empecei a tocar a gaita en Manxadoira, que
estabamos aquí abaixo, no Johan Carbalheira. Estiven así uns cantos
anos, entre a gaita, o coro... despois marchei a estudar á
Universidade a Lugo, foi cando empecei a tocar a pandeireta, xa con
18, e ao virme de Lugo 4 anos despois foi cando atopei os meus
compañeiros.
Toquei
a frauta pola miña conta tamén... e así foi.
Pregunta:
Gustaríache que os teus fillos seguiran a rutina que ti levas coa
música?
GUILLERME:
Prefiro que escollan elas. Considero que todas as persoas temos que
dedicar unha parte importante da nosa vida á arte, a calquera arte,
pode ser a música, pintar, debuxar, esculpir...porque a arte nas
persoas é moi importante, pero si que sería interesante que se non
é a música, que cultivaran a súa faceta artística pola maneira
que mellor lle fora, eu claro, se tivera uns fillos gustaríame que
foran uns apaixonados coma min da música tradicional, se non coma
min, parecido.
Pregunta:
Cal foi a túa primeira maqueta?
GUILLERME:
A primeira maqueta graveina no ano 1997, eu creo.... o 2º ano que
estiven estudando en Lugo, tiña 19 anos. Gravámola un compañeiro
de música e máis eu, il tocaba a guitarra e eu a gaita e a frauta.
Gravámola nun cassette coma ese que tedes aí, no cuarto do meu
colega e foi moi interesante; o comezo das gravacións.
Pregunta:
Como se vos ocorreu formar o grupo?
GUILLERME:
O comezo de Quempallou no ano 1999, ven a raíz dun festival de
música que se organizou daquelas na Facultade de Maxisterio,
estabamos estudando o acordeonista Roi e máis eu, e non había
ningún grupo folk que fora, e díxenlle: home ti que tocas o
acordeón, eu e máis uns colegas en Bueu tocamos percusión, gaitas
e frautas, e podemos facer algo, e pareceulle ben e chamamos os
outros compañeiros. Por certo tamén no 1º concerto tocou un rapaz
de Bueu que se chama David Campos que estaba en Manxadoira, e
xuntámonos eses 6 ou 7 e fixemos o repertorio para tocar nese
festival, e foi así como empezamos, e a partir de aí, como era unha
cousa que parecía que gustaba e que ía ben, pois tiramos para
adiante, e mira ti, aquí estamos.
Pregunta:
Cando empezaches a dar clase?
GUILLERME:
Empecei a dar clase... Que tipo de clase? Porque aquí hai unha
cousa, eu á parte de dar clase, son profe de música, tamén son
mestre de música tradicional, é dicir, pola mañá dou clases no
cole, e pola tardiña dou clases en asociacións Culturais, dou
clases de música tradicional. Por exemplo, Andrea, que está aquí,
é a miña alumna, unha pandereteira.
O
1º que empecei a dar foi clases de música tradicional, precisamente
en Manxadoira, aquí en Bueu, a unhas rapazas que se xuntaran xa
daquela para tocar a pandeireta, e debeu ser no ano 2000 cando
empecei darlles clases, e despois en escolas foi no ano 2003, 3 anos
despois.
Pregunta:
Por que che gusta a música?
GUILLERME:
Eu que sei... É unha pregunta moi difícil. Por que che gusta a cor
rosa, a cor verde ou a cor encarnada ?.
Pois...
a música é unha arte, e as artes teñen que ser algo fundamental
na vida das persoas.
Eu
escollín esta, encántame. Hai que vivencialo para saber o que é
facer música, hai que vivilo, e sobre todo a min o que me interesa é
facer música de país, música que aporte algo, e a través desta
música que facemos construír país, e sobre todo que a xente coñeza
as músicas de raíz, as músicas de tradición, e que a xente tamén
participe cantando e bailando. Potenciar o baile tradicional, que a
xente veña aos concertos e baile, que a xente siga valorando e teña
como referencia a nosa lingua, que iso tamén é moi importante, que
o galego necesita moitos apoios, e por iso sempre traballo en galego,
aínda que non fixera folk, tamén traballaría en galego, e todo
isto fai que a música sexa moi especial.
Pregunta:
Cal é o teu instrumento favorito?
GUILLERME:
Pois isto vaiche por épocas, o de tocar é unha cousa algo curiosa
porque hai xente que colle un instrumento e está aí a tope ata que
lle saca todo.
Eu
, bueno...vou por épocas, teño épocas en que lle dou moita tralla
ao instrumento, por exemplo eu empecei a tocar a gaita en aberto, que
é moi difícil, despois con outras técnicas, despois a frauta, as
diversas clases, vas alternando, e chega un momento, digamos entre
comiñas, que para min é suficiente, e pam!, non sigo estudando, e
cambio de instrumento.
Agora
neste momento estou estudando o acordeón, toco o acordeón
diatónico, que é un acordeón moi curioso, que aquí tocábase hai
100 anos máis ou menos, e estame interesando moito neste momento,
como vos digo.
Pregunta:
Cal é a túa canción favorita?
GUILLERME:Teño
que escoller unha das moitas que coñezo?
Andrea,
ti sabes que eu coñezo moitas cancións, non?
Pois
é unha pregunta moi dificil, pois non o sei, eu diría unha das que
máis me conmove, e que vén a conto co que vos dicía antes, pois eu
escoitaba a Fuxan Os Ventos cando era pequeno e ía cos meus pais,
hai un tema que me conmove e me recorda a miña infancia, porque imos
ver, no ano 1975, cando morreu o Ditador, viñamos de 40 anos de
amargura, que non se podía practicamente nin falar en galego nin
cantar, nin facer nada, había sempre censura, había que ser moi
español se non eras mal visto, e entón cantaban Fuxan Os Ventos
unha nana que dí, que ten un recitado no medio que dí: “Durme meu
neno durme / niste colo / qu'esta vida que t'agarda / non ten odio
/ten séculos d'espranza agardada / que pon hoxe nos fillos que
amamanta” .
Este
recitado sempre me emocionou moito porque penso que son deses fillos.
Pregunta:Que
tal te levas co teu pai?
GUILLERME:Que
tal me levo co meu pai? Vaia pregunta, vamos a ver, isto que é? O
corazón ou que?, sesión rosa, o rosa da terra... Está por aí?...
lévome de marabilla, inda mañá me vai axudar a facer a mudanza,
mira se me levo ben con el. Algo máis queres que che conte?
Pregunta:
O teu pai aprobou que tocaras nalgún grupo?
GUILLERME:El
está encantado de que eu toque por aí música da terra, a il
gústalle moito, e de feito nas xuntanzas familiares gústanos cantar
e bailar, cancións de Chouteira, sempre acabamos cantando. Chouteira
era un famoso grupo dos anos noventa no que tocaba o acordeón a vosa
actual profe Olga.
Pregunta:
Cal foi o artista co que te identificaches?
GUILLERME:
hai moitos artistas cos que te identificas. Unha vez escoitei, collín
esta frase, que dí que hai que ter referentes na vida en xeral, e na
música tamén. Eu como gaiteiro identifícome moito cos gaiteiros
tradicionais, cos gaiteiros folk, identifícome cos gaiteiros de
Milladoiro, identifícome con Xosé o gaiteiro de Aldán, que para
min é un grandísimo referente, que é un dos últimos gaiteiros
tradicionais que aínda están en activo na comarca do Morrazo, de
feito axudeille a facer un disco, e que agora todo o mundo pode
escoitar as súas cancións tradicionais.
Identifícome
moito con el pola súa maneira de entender a gaita, a maneira de
entender a festa, dunha maneira moi participativa, moi, moi lúdica,
moi alegre, e iso para min é moi importante. Poderíamos seguir
falando de referentes.
Pregunta:
Por que te decidiches pola música galega?
GUILLERME:
Bueno, eu como vos digo son unha persoa cunha fonda conciencia
nacionalista.
Desde
que estaba no instituto coma vós, empecei a ver que eu era partícipe
dunha cultura diferente, non mellor nin peor, pero si diferente, e
polo tanto parecíame importante que todas as persoas, todos os
galegos e galegas, puxeramos o que poideramos para que o país tivera
conciencia de seu, que lle pertence, que poidera ser e existir con
normalidade, que ata o momento non é normal, é dicir, como sabedes
e podedes escoitar aquí todos os días, os galegos cada vez estamos
máis avergonzados de ser galegos, a proba é que nin tan sequera
falamos a nosa lingua. Como non lla ensinamos aos nosos fillos, a
rapazada decide non falala porque pensa que es menos persoa, que es
peor se falas a lingua dos galegos que se falas a lingua dos
casteláns, e por iso en parte decidín facer música tradicional,
aprofundar nela e a facelo con conciencia.
Pregunta:
Tes algún proxecto novo en mente?
GUILLERME:
Con Quempallou, dis? Si, estamos cun novo proxecto, así un pouco
diferente, porque agora o mercado do CD está un pouco complicado,
está de capa caída, porque a xente actualmente consume menos Cds,
porque eu aínda que os acabe comprando, como no meu caso, acabo
dixitalizando, para escoitar no coche, ou no móbil, etc.
Cremos
que o Cd é un produto interesante e que sempre haberá xente
interesada en telo, pero xa non é o 1º medio, soporte, no que se
escoita a música, entón por iso decidimos ir lanzando por entregas
un novo disco.
Montamos
3 temas, gravámolos en estudio, niso que se chama unha
pre-produción, é dicir, facer unha 1ª versión do tema, e colgamos
eses 3 temas en Internet. Facemos iso 4 veces (3x4=12) e xa temos
preparado o disco, e cando temos eses 12 temas, gravamos o disco de
novo cos mesmos temas e poñémolo na rede.
Agora
mesmo xa temos un cuarteirón, que é como se chama, porque como son
4 entregas, cada parte é un cuarteirón, que estamos a falar
galego, un cuartarón segundo os nosos avós, porque antes usábase
moito, un cuartarón de chocolate, un cuartarón dunha laranxa, e
usamos cuarteirón que é outra maneira de dicilo.
Colgamos
ese 1º cuarteirón na rede. Xa se pode escoitar libremente, pódese
escoitar en Spotify, podese mercar en Itunes, etc. Son 3 temas novos
que van formar parte do novo proxecto.
Pregunta:
En que lugares interesantes tedes actuado?
GUILLERME:
Interesantes hai moitos por diversos motivos. É moi interesante, por
exemplo, os festivais pequenos, pero moi entrañables, nos que non
hai miles de persoas, pero que son marabillosos porque son super
agradables. Por exemplo, o ano pasado actuamos na praia de Cesantes,
nun festival que fai unha asociación de mozos e mozas de instituto
coma vós, e foi unha gozada, o sitio é moi agradable, pero si, á
xente chámalle a atención tocar en Ortigueira, no palco
grande
de Ortigueira é unha cousa impresionante. Ortigueira, como sabedes,
supoño, é o mellor festival do mundo celta da Península, e alí
miles de persoas véndote, nun palco que é enorme, como este
corredor de grande, e diante de miles de persoas, ves unha
chea de cabezas, e ti berras:
Boas
noites Ortigueira!, e de repente todo o mundo se vén arriba: Uaaah!
Uaahhh!
Iso
é impresionante. En Galicia temos poucos palcos coma ese, e os
Quempallou estivemos alí.
Pregunta:
Déronche clase os teus pais?
GUILLERME:
Ah, pois mira, esa é unha boa pregunta, e a resposta é si. Meu pai
deume algo, meu pai deume un ano de castelán cando estaba en 6º.
Pregunta:
Moitas grazas por estar con nós. Poderías cantarnos unha canción
como despedida?
GUILLERME:
Bueno, bueno, bueno, temíame que podía pasar isto.
Cantar
pola mañá é moi complicado. Tiñades que ter avisado a profe Olga,
que cantabamos aquí os dous, seguro que non trouxo o acordeón.
Bueno,
cantamos algo breve do cuarteirón, que é un pequeno cantar de sega,
que é o que se cantaba cando se segaba, porque é un traballo moi
duro. A sega, sabedes o que é? Cortar o trigo ou centeo, era un
traballo moi duro e tradicionalmente, posiblemente dende hai séculos,
cántase para que o traballo sexa máis levadeiro, este concretamente
aprendino dunha informante, dunha muller que ela cantaba cando era
moza, unha muller que se chama Concha, que ten noventa e pico anos,
dunha aldea da Gudiña, que está lindando con Zamora desde Ourense,
e que se chama “O Canizo”, polo tanto cantar de sega do Canizo.
“E
Á PORTA DO NOSO AMO
HAI
UN RAMIÑO DE OLIVAS,
E
QUE VIVA O NOSO AMO
AI,
E TAMÉN A SÚA CUADRILLA.
ANQUE
VIMOS DA SEITURA
AÍNDA
QUE VIMOS DA SEGADA,
ANQUE
VIMOS DA SEITURA
AAI,
INDA NON VIMOS CANSADAS.
E
Á PORTA DO NOSO AMOR
HAI
UN RAMIÑO DE FLORES,
E
QUE VIVA O NOSO AMOR
AI,
E TAMÉN OS SEGADORES.
AUHUHUUU!!!
Pregunta:
Unha vez máis, queremos agradecerche a túa presenza, e queremos
pedirche un último favor: que asines o noso cartel favorito.
GUILLERME:
Un pracer, moitas grazas por convidarme, e lembrade... -si firmarei o
cartel, firmarei- ...Consumir música galega de todos os tipos,
porque en galego temos de todo, temos folk, temos rok, temos pop,
temos hip-hop, temos de todo, así que consumide música en galego, e
acordaivos, queirades ou non, sodes galegos, facede de tal.
Graciñas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário