01/12/2011

CULTURGAL 2011

Chega o Culturgal. Tres días de presentacións, conversas, produtos e todo tipo de propostas culturais concentradas. Un total de 130 actividades enchen a vindeira fin de semana o Pazo da Cultura e mais a Cidade de Pontevedra.


Culturgal é o fogar da cultura galega. Unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade.

Culturgal celebra un evento anual que conxuga o encontro profesional coa presentación, promoción e venda aberta ao público de produtos e servizos. Para facelo, válese de dúas patas fundamentais: a Feira e o Foro. A Feira das Industrias Culturais de Galicia achega ao público ás novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua para os públicos máis variados. O Foro Culturgal, pola súa banda, é un lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.

Culturgal é a mellor radiografía dun sector industrial cohesionado, forte, dinámico e moderno que se enfronta a un momento crucial, cheo de grandes cambios, coa despensa chea de ideas e de solucións colectivas para os retos que trae o futuro.

Preme na seguinte ligazón:
PROGRAMA DE ACTIVIDADES 2, 3 , 4 DECEMBRO 2011