24/04/2009






As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país. Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.


Apoios ao Manifesto:
Promotores

Alfonso García Sanmartín
(presidente da Asociación Galega de Editores)
Ana Kiro
Avelino Pousa Antelo
Benigno Pereira
(presidente da Rede Galega de Empresas)
Bernardino Graña
Carlos Blanco
Carlos Callón
(presidente da Mesa pola Normalización Lingüística)
César Portela
Cesáreo Sánchez Iglesias
(presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega)
Eva Castro
Francisco Leiro
Ignacio Vilar
Isaac Alonso Estravís
Jorge Mira
Luís González Tosar
(presidente do PEN Clube – Galiza)
Manuel Gallego Jorreto
Manuel Rivas
Marcelino Fernández Mallo
Mercedes Peón
Nemésio Barxa
Sole González
(presidenta de IRIMIA)
Teresa Moure
Uxía Senlle
Xaquín Marín
Xoán Costa
(presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega)
Xosé Lastra
(presidente de Nova Escola Galega)
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Manuel Pereiro
(decano do Colexio de Xornalistas)
Xosé Manuel Piñeiro
Xulia Vaquero
Xurxo Patiño
(presidente da Federación Galega de Libreiros)
Yolanda Castaño

23/04/2009

Visitounos Anxo Fariña

Actividade organizada polo departamento de galego para os cursos 1º e 2º da ESO

20/04/2009

REGUEIFAS








16/04/2009

MANIFESTO DA COORDINADORA DE ENDL DE GALICIA

Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:

1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.

2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.

3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.

4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.

Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seus resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.


Na ligazón seguinte podedes ver todolos centros que se sumarón ao manifesto
http://www.coordinadoraendl.org/