19/12/2007


NO 20 DE DECEMBRO DE 1907 ESTRÉASE NO GRAN
TEATRO DA HABANA O HIMNO GALEGO

AUTOR: EDUARDO PONDAL


HIMNO GALEGO

¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
máis sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





16/12/2007

GALEGUIZA TEU NOME E APELIDOS

Lei 40/1999

Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes.(«BOE» 266, do 6-11-1999.)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A regulación existente no Codigo civil e mais na Lei do Rexistro Civil en materia de orde de inscrición de apelidos veu establecer ata o momento presente a regra xeral de que, determinando a filiación os apelidos, a orde destes será a paterna e materna; recoñécese tamén a posibilidade de o fillo modificar esta situación unha vez que alcance a maioría de idade.

Esta situación, que xa intentou ser cambiada con ocasión da modificación do Código civil operada pola Lei 11/1981, do 13 de maio, é a que se pretende modificar á luz do principio de igualdade recoñecido na nosa Constitución e en atención a distintas decisións de ámbito internacional adoptadas sobre esta materia. Abonde recordar, neste punto, que o artigo 16 da Convención de Nacións Unidas do 18 de decembro de 1979 prevé que os Estados signatarios tomen as medidas necesarias para facer desaparecer toda disposición sexista no dereito do nome; que o Comité de Ministros do Consello de Europa, desde 1978, establece na Resolución 78/37 a recomendación ós Estados membros de que fixesen desaparecer toda discriminación entre o home e a muller no réxime xurídico do nome e que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sancionou, na sentencia do 22 de febreiro de 1994 no caso Burghartz C. Suisse, as discriminacións sexistas na elección dos apelidos.

É, por tanto, máis xusto e menos discriminatorio para a muller permitir que xa inicialmente poidan os pais de común acordo decidiren a orde dos apelidos dos seus fillos, no ben entendido de que a súa decisión para o primeiro fillo terá de valer tamén para os fillos futuros de igual vínculo, o cal non impide que, ante o non-exercicio da opción posible, debe rexe-lo disposto na lei.

Por outra parte, transcorridos máis de vinte anos desde a aprobación da Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, que establecía a posibilidade de substituí-lo nome propio polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas do Estado español, atopámonos con que calquera cidadán que acade a maioría de idade e teña inscrito o seu nome en lingua castelá no Rexistro Civil, vese privado da posibilidade de que o seu nome propio sexa traducido a outra lingua española oficial.

Por todo iso, a lei que se aproba facilita o uso normal das diferentes linguas do Estado español e a obtención dun estatuto xurídico que respecte a súa riqueza idiomática.
Así mesmo, e polas mesmas razóns, a lei permite regularizar ortograficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecue á gramática e fonética da lingua española correspondente.

Polo demais, esta lei complétase cunha disposición transitoria que prevé o suposto de existencia de fillos menores de idade no momento da entrada en vigor daquela. A alteración da orde dos seus apelidos subordínase á necesaria audiencia, se tiveren suficiente xuízo.

Artigo 1º

O artigo 109 do Código Civil queda redactado nos seguintes termos:
«A filiación determina os apelidos conforme o disposto na lei.
Se a filiación está determinada por ambas liñas, o pai e maila nai de común acordo poderán decidi-la orde de transmisión do seu respectivo primeiro apelido, antes da inscrición rexistral. Se non se exercita esta opción, rexerá o disposto na lei.
A orde de apelidos inscrita para o maior dos fillos rexerá nas incricións de nacemento posteriores dos seus irmáns do mesmo vínculo.
O fillo, ó alcanzar-la maioría de idade, poderá solicitar que se altere a orde dos apelidos.».

Artigo 2º

O artigo 54 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:
«Na inscrición expresarase o nome que se lle dá ó nacido, se ben non poderá consignarse máis dun mome composto, nin máis de dous simples.
Quedan prohibidos os nomes que obxectivamente prexudiquen a persoa, así como os diminutivos ou variantes familiares e coloquiais que non alcanzasen substantividade, os que fagan confusa a identificación e os que induzan no seu conxunto a erro en canto ó sexo.
Non se lle pode impor ó nacido nome que teña un dos seu irmáns, a non ser que falecese, así como tampouco a súa traducción usual a outra lingua.
Por petición do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio daquel polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas.»

Artigo 3º

O artigo 55 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil, queda redactado nos seguintes termos:
«A filiación determina os apelidos.
Nos supostos de nacemento cunha soa filiación recoñecida, esta determina os apelidos, podendo o proxenitor que recoñeza a súa condición de tal determinar, no momento da inscrición, a orde dos apelidos.
A orde dos apelidos establecida para a primeira inscrición de nacemento determina a orde para a inscrición dos posteriores nacementos con idéntica filiación.
Alcanzada a maioría de idade, poderase solicita-la alteración da orde dos apelidos.
O encargado do rexistro imporalle un nome e uns apelidos de uso corrente ó nacido a filiación do cal non os poida determinar.
O encargado do Rexistro, por petición do interesado ou do seu representante legal, procederá a regularizar ortogrficamente os apelidos cando a forma inscrita no Rexistro non se adecue á gramática e fonética da lingua española correspondente.»

Artigo 4º

Engádese unha disposición adicional segunda á Lei do rexistro Civil co seguinte texto:
«En tódalas peticións e expedientes relativos á nacionalidade e ó nome e ós apelidos, as solicitudes dos intresados non poderán entenderse estimadas por silencio administrativo.»

Disposición transitoria única

Se no momento de entrar en vigor esta lei os pais tivesen fillos menores de idade dun mesmo vínculo poderán, de común acordo, decidi-la anteposición do apelido materno para tódolos irmáns. Agora ben, se estes tivesen suficiente xuízo, a alteración da orde dos apelidos dos menores de idade requirirá aprobación en expediente rexistral, no que estes deberán ser oídos conforme o artigo 9 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o artigo segundo da Lei 17/1977, do 4 de xaneiro, sobre reforma do artigo 54 da Lei do Rexistro Civil. Así mesmo quedan derrogadas cantas disposcións xerais se opoñan ó establecido nesta lei.

Disposición derradeira única

A presente lei entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado». Dentro do prazo indicado, o Goberno procederá a modifica-lo Regulamento do Rexistro Civil no que resulte necesario para adecualo ó previsto na presente lei.

Galeguización de nomes e apelidos

¿Que se debe facer?

En primeiro lugar cómpre saber que toda a tramitación é de balde.

Os rexistros civís están comprometidos a encargárense de oficio das xestións diante dos organismos competentes (Real Academia Galega, ILG) sobre as formas galegas correctas de nomes e apelidos.

Se queres galeguizar o nome e/ou os apelidos na partida de nacemento.....

Debes ir ó rexistro civil onde estea rexistrado o teu nacemento e solicitar unha fe de vida. Unha vez esteas en posesión da fe de vida, debes presentar no mesmo rexistro unha instancia (xunto cunha copia do DNI e mais da fe de vida) en que se solicite a galeguización do nome e/ou dos apelidos, ó abeiro da Lei 40/1999.

Xa por último, cómpre solicitar a acreditación do rexistro onde se certifique o cambio.

Se queres galeguizar o nome e/ou os apelidos no carné de identidade...

Debes dirixir unha instancia á comisaría que che expediu o DNI, xunto coa antedita acreditación do rexistro civil, onde se solicite (ó abeiro da lei 40/1999) que se proceda á corrección do nome e/ou dos apelidos, rexistrándoos na súa forma actual.

Se queres galeguizar o nome e/ou os apelidos na restante documentación...

Para ir galeguizando progresivamente o resto da documentación persoal só é preciso solicitar o cambio. Para isto, na maior parte dos casos, abonda con presentar o DNI no que figuren a forma actual do nome e/ou dos apelidos.

Se a galeguización é denegada, caben os correspondentes recursos previstos na Lei do rexistro civil e no seu Regulamento.
CANTOS MÁIS IDIOMAS FALEMOS MELLOR!!!
VELAÍ UN EXEMPLO