19/04/2016

Lectura obras de Manuel María.

O Concello de Bueu súmase este sábado á celebración do DÍA DO LIBRO, polo que organiza unha lectura de obras de Manuel María, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con este motivo quere facer un chamamento á participación do maior número de persoas, alumnado e familias,
O acto terá lugar este sábado ás 12 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester.

14/12/2015

Regalemos un libro



As festas de Nadal e Fin de Ano que están a punto de comezar son unha época típica para a realización de regalos, nomeadamente aos menores da casa. Dentro da múltiple oferta dispoñible, moita xente é partidaria de incluír algún elemento de carácter cultural, aínda que por veces a elección pode resultar complicada.
Nos últimos anos, coñecedores desta situación, os equipos de dinamización lingüística da comarca do Morrazo publican un folleto-guía para dar a coñecer ás familias as últimas novidades no relativo a discos, novelas, cómics, DVD..., co elemento en común de utilizaren todos a lingua galega. Este folleto preséntase dividido por idades para facilitar a localización de materiais acordes ás diferentes idades . Ademais, tamén inclúe un apartado de produtos dirixidos a adultos, pois este tipo de regalos resulta enriquecedor para todos nós.
Entregóuselles en man a todos os alumnos unha copia en papel do dito folleto con indicación de que os levasen ás casas. Non obstante, como pode ser que nalgún caso non chegue ao seu destino e para garantir a súa recepción, enviamos copia dixital en pdf xunto con esta mensaxe.
 Felices festas.




27/07/2015

Entrevista a Guillerme de Quempallou


ENTREVISTAMOS A GUILLERME 
de "QUEMPALLOU"

Entrevista realizada no programa de "RADIO ONS" DURANTE O CURSO 2014-2015 polos alumnos de 2º ESO do IES ILLA DE ONS de Bueu.

Con máis de quince anos de traxectoria artística, Quempallou é unha das bandas máis representativas do folk galego, levando a festa por bandeira en cada concerto, pero sen esquecer unha clara mensaxe de compromiso social.
Eles fan música de raíz dende un punto de vista actual, sen complexos nin ataduras, tendo sempre claras as súas orixes pero mirando cara adiante en todo momento.

Ou polo menos isto é o que di a vosa páxina web. Toda unha declaración de intencións.
Queres engadirlle algunha cousa máis?

GUILLERME: Ola,bos días a todos e a todas.
Levamos un montón de anos tocando..., tantos, que xa tocamos neste instituto antes de que vós estiverades aquí estudando.
Levamos 16 anos facendo música folk.
Sabedes o que é a música folk? A música folk é unha especie de música tradicional actualizada.
Sabedes o que é a música tradicional? A música tradicional é a que recolle a tradición de pais e fillos. Nós collemos esas músicas e facemos un pouco o que nos parece.

Pregunta: Prefires ser mestre ou actuar?
GUILLERME: Pregunta complicada, porque á parte de ser mestre eu son mestre de música e sabedes que a música é unha pasada.
Así que as dúas cousas son moi, moi interesantes e enchen e complementan a miña vida.

Pregunta: Quen creou o grupo “Quempallou”?
GUILLERME: O grupo Quempallou creárono 5 mozos de Bueu e 2 do Incio.
Os do Incio continúan e de Bueu só quedo eu agora mesmo. Naqueles momentos, de Bueu eramos á parte de min, 2 irmáns de aquí, do Ramal dos Galos: Anxo e Mui Novas... e logo estaba Bernardo que toca o tamboril, que para min é o mellor tamborileiro deste país, e logo había tamén un buzuquista (o buzuqui é unha especie de guitarra con caixa en forma de corazón e catro cordas dobres), que é un gran musico deste concello, que é Álex Torresquesana.
Pregunta: Cando empezaches no grupo “Quempallou”?
GUILLERME: Eu son un dos membros fundadores e levamos 16 anos. Nacimos no 1999, polo tanto, como membro fundador estaba daquelas.
Pregunta: Por que decidistes chamarlle “Quempallou”?
GUILLERME: Quempallou é unha palabra que inventaron os compañeiros do Incio, que como sabedes é un concello que está na provincia de Lugo.
Ten unha pequena historia, vén de cando se facían as mallas mecanizadas nos anos 50, levaban unha máquina moi grande que por un lado metíase a palla co gran e polo outro lado saía a palla limpa, é o que se chama unha “malladora”.
Cando estaban mallando este gran, centeo, trigo ou o que fora, poñíanse a meter palla co gran os máis novos e a sacala os máis vellos, e tiñan como un pique, dicían:”A ver, metede máis palla, que sodes uns chaíñas e non facedes nada”, e os máis novos picábanse e comezaban a meter e a malladora “empallaba”, que se atrancaba, e tiñan que dicir “Eh, parade que empallou!, e de aí vén QUEMPALLOU.

Pregunta: Como foi iso de entrar no mundo da música?
GUILLERME: Pois así, nas orixes nas orixes, sempre me gustou a música, sempre escoitei a música no coche dos meus pais. Cando iamos á aldea escoitaba música, e dentro desa música ían os discos de moda dos anos 80, que eu era un rapaz, e entre esa música había un grupo moi famoso, que era tan famoso como os Rolling Stones, e que se chamaba “Fuxan os Ventos”, e todo o mundo o escoitaba e todo o mundo o tiña. Era un grupo de música galega, e tamén había outros como Milladoiro que todo o mundo escoitaba e eu tamén escoitaba, e gustábame esa música, e empecei a coller a frauta da miña nai que había alí na casa.
Cando era un pouquiño máis novo ca vós empecei a tocar pola miña conta aquelas músicas que eu escoitaba de orella, e empeceime a meter, e cando a miña nai viu que me gustaba meteume no coro, despois noutros coros, e despois, cando tiña 15, foi cando me metín na música tradicional directamente e empecei a tocar a gaita en Manxadoira, que estabamos aquí abaixo, no Johan Carbalheira. Estiven así uns cantos anos, entre a gaita, o coro... despois marchei a estudar á Universidade a Lugo, foi cando empecei a tocar a pandeireta, xa con 18, e ao virme de Lugo 4 anos despois foi cando atopei os meus compañeiros.
Toquei a frauta pola miña conta tamén... e así foi.
Pregunta: Gustaríache que os teus fillos seguiran a rutina que ti levas coa música?
GUILLERME: Prefiro que escollan elas. Considero que todas as persoas temos que dedicar unha parte importante da nosa vida á arte, a calquera arte, pode ser a música, pintar, debuxar, esculpir...porque a arte nas persoas é moi importante, pero si que sería interesante que se non é a música, que cultivaran a súa faceta artística pola maneira que mellor lle fora, eu claro, se tivera uns fillos gustaríame que foran uns apaixonados coma min da música tradicional, se non coma min, parecido.
Pregunta: Cal foi a túa primeira maqueta?
GUILLERME: A primeira maqueta graveina no ano 1997, eu creo.... o 2º ano que estiven estudando en Lugo, tiña 19 anos. Gravámola un compañeiro de música e máis eu, il tocaba a guitarra e eu a gaita e a frauta. Gravámola nun cassette coma ese que tedes aí, no cuarto do meu colega e foi moi interesante; o comezo das gravacións.
Pregunta: Como se vos ocorreu formar o grupo?
GUILLERME: O comezo de Quempallou no ano 1999, ven a raíz dun festival de música que se organizou daquelas na Facultade de Maxisterio, estabamos estudando o acordeonista Roi e máis eu, e non había ningún grupo folk que fora, e díxenlle: home ti que tocas o acordeón, eu e máis uns colegas en Bueu tocamos percusión, gaitas e frautas, e podemos facer algo, e pareceulle ben e chamamos os outros compañeiros. Por certo tamén no 1º concerto tocou un rapaz de Bueu que se chama David Campos que estaba en Manxadoira, e xuntámonos eses 6 ou 7 e fixemos o repertorio para tocar nese festival, e foi así como empezamos, e a partir de aí, como era unha cousa que parecía que gustaba e que ía ben, pois tiramos para adiante, e mira ti, aquí estamos.
Pregunta: Cando empezaches a dar clase?
GUILLERME: Empecei a dar clase... Que tipo de clase? Porque aquí hai unha cousa, eu á parte de dar clase, son profe de música, tamén son mestre de música tradicional, é dicir, pola mañá dou clases no cole, e pola tardiña dou clases en asociacións Culturais, dou clases de música tradicional. Por exemplo, Andrea, que está aquí, é a miña alumna, unha pandereteira.
O 1º que empecei a dar foi clases de música tradicional, precisamente en Manxadoira, aquí en Bueu, a unhas rapazas que se xuntaran xa daquela para tocar a pandeireta, e debeu ser no ano 2000 cando empecei darlles clases, e despois en escolas foi no ano 2003, 3 anos despois.
Pregunta: Por que che gusta a música?
GUILLERME: Eu que sei... É unha pregunta moi difícil. Por que che gusta a cor rosa, a cor verde ou a cor encarnada ?.
Pois... a música é unha arte, e as artes teñen que ser algo fundamental na vida das persoas.
Eu escollín esta, encántame. Hai que vivencialo para saber o que é facer música, hai que vivilo, e sobre todo a min o que me interesa é facer música de país, música que aporte algo, e a través desta música que facemos construír país, e sobre todo que a xente coñeza as músicas de raíz, as músicas de tradición, e que a xente tamén participe cantando e bailando. Potenciar o baile tradicional, que a xente veña aos concertos e baile, que a xente siga valorando e teña como referencia a nosa lingua, que iso tamén é moi importante, que o galego necesita moitos apoios, e por iso sempre traballo en galego, aínda que non fixera folk, tamén traballaría en galego, e todo isto fai que a música sexa moi especial.
Pregunta: Cal é o teu instrumento favorito?
GUILLERME: Pois isto vaiche por épocas, o de tocar é unha cousa algo curiosa porque hai xente que colle un instrumento e está aí a tope ata que lle saca todo.
Eu , bueno...vou por épocas, teño épocas en que lle dou moita tralla ao instrumento, por exemplo eu empecei a tocar a gaita en aberto, que é moi difícil, despois con outras técnicas, despois a frauta, as diversas clases, vas alternando, e chega un momento, digamos entre comiñas, que para min é suficiente, e pam!, non sigo estudando, e cambio de instrumento.
Agora neste momento estou estudando o acordeón, toco o acordeón diatónico, que é un acordeón moi curioso, que aquí tocábase hai 100 anos máis ou menos, e estame interesando moito neste momento, como vos digo.
Pregunta: Cal é a túa canción favorita?
GUILLERME:Teño que escoller unha das moitas que coñezo?
Andrea, ti sabes que eu coñezo moitas cancións, non?
Pois é unha pregunta moi dificil, pois non o sei, eu diría unha das que máis me conmove, e que vén a conto co que vos dicía antes, pois eu escoitaba a Fuxan Os Ventos cando era pequeno e ía cos meus pais, hai un tema que me conmove e me recorda a miña infancia, porque imos ver, no ano 1975, cando morreu o Ditador, viñamos de 40 anos de amargura, que non se podía practicamente nin falar en galego nin cantar, nin facer nada, había sempre censura, había que ser moi español se non eras mal visto, e entón cantaban Fuxan Os Ventos unha nana que dí, que ten un recitado no medio que dí: “Durme meu neno durme / niste colo / qu'esta vida que t'agarda / non ten odio /ten séculos d'espranza agardada / que pon hoxe nos fillos que amamanta” .
Este recitado sempre me emocionou moito porque penso que son deses fillos.

Pregunta:Que tal te levas co teu pai?
GUILLERME:Que tal me levo co meu pai? Vaia pregunta, vamos a ver, isto que é? O corazón ou que?, sesión rosa, o rosa da terra... Está por aí?... lévome de marabilla, inda mañá me vai axudar a facer a mudanza, mira se me levo ben con el. Algo máis queres que che conte?
Pregunta: O teu pai aprobou que tocaras nalgún grupo?
GUILLERME:El está encantado de que eu toque por aí música da terra, a il gústalle moito, e de feito nas xuntanzas familiares gústanos cantar e bailar, cancións de Chouteira, sempre acabamos cantando. Chouteira era un famoso grupo dos anos noventa no que tocaba o acordeón a vosa actual profe Olga.
Pregunta: Cal foi o artista co que te identificaches?
GUILLERME: hai moitos artistas cos que te identificas. Unha vez escoitei, collín esta frase, que dí que hai que ter referentes na vida en xeral, e na música tamén. Eu como gaiteiro identifícome moito cos gaiteiros tradicionais, cos gaiteiros folk, identifícome cos gaiteiros de Milladoiro, identifícome con Xosé o gaiteiro de Aldán, que para min é un grandísimo referente, que é un dos últimos gaiteiros tradicionais que aínda están en activo na comarca do Morrazo, de feito axudeille a facer un disco, e que agora todo o mundo pode escoitar as súas cancións tradicionais.
Identifícome moito con el pola súa maneira de entender a gaita, a maneira de entender a festa, dunha maneira moi participativa, moi, moi lúdica, moi alegre, e iso para min é moi importante. Poderíamos seguir falando de referentes.
Pregunta: Por que te decidiches pola música galega?
GUILLERME: Bueno, eu como vos digo son unha persoa cunha fonda conciencia nacionalista.
Desde que estaba no instituto coma vós, empecei a ver que eu era partícipe dunha cultura diferente, non mellor nin peor, pero si diferente, e polo tanto parecíame importante que todas as persoas, todos os galegos e galegas, puxeramos o que poideramos para que o país tivera conciencia de seu, que lle pertence, que poidera ser e existir con normalidade, que ata o momento non é normal, é dicir, como sabedes e podedes escoitar aquí todos os días, os galegos cada vez estamos máis avergonzados de ser galegos, a proba é que nin tan sequera falamos a nosa lingua. Como non lla ensinamos aos nosos fillos, a rapazada decide non falala porque pensa que es menos persoa, que es peor se falas a lingua dos galegos que se falas a lingua dos casteláns, e por iso en parte decidín facer música tradicional, aprofundar nela e a facelo con conciencia.
Pregunta: Tes algún proxecto novo en mente?
GUILLERME: Con Quempallou, dis? Si, estamos cun novo proxecto, así un pouco diferente, porque agora o mercado do CD está un pouco complicado, está de capa caída, porque a xente actualmente consume menos Cds, porque eu aínda que os acabe comprando, como no meu caso, acabo dixitalizando, para escoitar no coche, ou no móbil, etc.
Cremos que o Cd é un produto interesante e que sempre haberá xente interesada en telo, pero xa non é o 1º medio, soporte, no que se escoita a música, entón por iso decidimos ir lanzando por entregas un novo disco.
Montamos 3 temas, gravámolos en estudio, niso que se chama unha pre-produción, é dicir, facer unha 1ª versión do tema, e colgamos eses 3 temas en Internet. Facemos iso 4 veces (3x4=12) e xa temos preparado o disco, e cando temos eses 12 temas, gravamos o disco de novo cos mesmos temas e poñémolo na rede.
Agora mesmo xa temos un cuarteirón, que é como se chama, porque como son 4 entregas, cada parte é un cuarteirón, que estamos a falar galego, un cuartarón segundo os nosos avós, porque antes usábase moito, un cuartarón de chocolate, un cuartarón dunha laranxa, e usamos cuarteirón que é outra maneira de dicilo.
Colgamos ese 1º cuarteirón na rede. Xa se pode escoitar libremente, pódese escoitar en Spotify, podese mercar en Itunes, etc. Son 3 temas novos que van formar parte do novo proxecto.
Pregunta: En que lugares interesantes tedes actuado?
GUILLERME: Interesantes hai moitos por diversos motivos. É moi interesante, por exemplo, os festivais pequenos, pero moi entrañables, nos que non hai miles de persoas, pero que son marabillosos porque son super agradables. Por exemplo, o ano pasado actuamos na praia de Cesantes, nun festival que fai unha asociación de mozos e mozas de instituto coma vós, e foi unha gozada, o sitio é moi agradable, pero si, á xente chámalle a atención tocar en Ortigueira, no palco
grande de Ortigueira é unha cousa impresionante. Ortigueira, como sabedes, supoño, é o mellor festival do mundo celta da Península, e alí miles de persoas véndote, nun palco que é enorme, como este corredor de grande, e diante de miles de persoas, ves unha chea de cabezas, e ti berras:
Boas noites Ortigueira!, e de repente todo o mundo se vén arriba: Uaaah! Uaahhh!
Iso é impresionante. En Galicia temos poucos palcos coma ese, e os Quempallou estivemos alí.
Pregunta: Déronche clase os teus pais?
GUILLERME: Ah, pois mira, esa é unha boa pregunta, e a resposta é si. Meu pai deume algo, meu pai deume un ano de castelán cando estaba en 6º.
Pregunta: Moitas grazas por estar con nós. Poderías cantarnos unha canción como despedida?
GUILLERME: Bueno, bueno, bueno, temíame que podía pasar isto.
Cantar pola mañá é moi complicado. Tiñades que ter avisado a profe Olga, que cantabamos aquí os dous, seguro que non trouxo o acordeón.
Bueno, cantamos algo breve do cuarteirón, que é un pequeno cantar de sega, que é o que se cantaba cando se segaba, porque é un traballo moi duro. A sega, sabedes o que é? Cortar o trigo ou centeo, era un traballo moi duro e tradicionalmente, posiblemente dende hai séculos, cántase para que o traballo sexa máis levadeiro, este concretamente aprendino dunha informante, dunha muller que ela cantaba cando era moza, unha muller que se chama Concha, que ten noventa e pico anos, dunha aldea da Gudiña, que está lindando con Zamora desde Ourense, e que se chama “O Canizo”, polo tanto cantar de sega do Canizo.
E Á PORTA DO NOSO AMO
HAI UN RAMIÑO DE OLIVAS,
E QUE VIVA O NOSO AMO
AI, E TAMÉN A SÚA CUADRILLA.

ANQUE VIMOS DA SEITURA
AÍNDA QUE VIMOS DA SEGADA,
ANQUE VIMOS DA SEITURA
AAI, INDA NON VIMOS CANSADAS.

E Á PORTA DO NOSO AMOR
HAI UN RAMIÑO DE FLORES,
E QUE VIVA O NOSO AMOR
AI, E TAMÉN OS SEGADORES.
AUHUHUUU!!!

Pregunta: Unha vez máis, queremos agradecerche a túa presenza, e queremos pedirche un último favor: que asines o noso cartel favorito.
GUILLERME: Un pracer, moitas grazas por convidarme, e lembrade... -si firmarei o cartel, firmarei- ...Consumir música galega de todos os tipos, porque en galego temos de todo, temos folk, temos rok, temos pop, temos hip-hop, temos de todo, así que consumide música en galego, e acordaivos, queirades ou non, sodes galegos, facede de tal.
Graciñas.

17/01/2015

Novas emisións do programa de radio

          A radio Illa de Ons continúa coas súas emisións semanais. Os alumnos de 1º ESO foron os encargados de elaborar os contidos dos programas previos ás vacacións de Nadal. Óscar, Marcos, Brais e Hugo (1º ESO B) entrevistaron a Ana, a profesora de Lingua Castelá. Por outra banda, Luis, Alejandro, Brais e Jose (1º ESO A) entrevistaron a Yudani e María, alumnas de 4º ESO.
     Na primeira semana de clase do novo ano, os alumnos de 4º ESO decidiron facer dous programas de radio. No primeiro a invitada foi a súa propia titora, Yolanda, profesora de Inglés. Na segunda emisión quixeron despedirse de Olga, profesora de galego e principal promotora do proxecto da radio, que durante a súa estancia no noso centro conseguiu animarnos a todos para participar nesta grande idea. Moitas grazas e ata pronto, Olga!
       O venres 16 de xaneiro, o programa de radio foi emitido polo alumnado de 3º ESO A (Sabela, Xoel, João, José Ramón, Belén e Teté, a súa titora). A invitada nesta ocasión foi Raquel Calviño, alumna deste mesmo grupo.
     

19/12/2014

GUÍAS DE LECTURA PARA FACER AGASALLOS NESTAS FESTAS:
MÚSICA PARA  AGASALLAR:


16/12/2014

O alumnado de 3º C entrevista ao gaiteiro Marcos Campos

    Mercedes, Verónica, Joel e Agustín (3º C) entrevistaron, o pasado venres, ao gaiteiro Marcos Campos. Este artista, que naceu e vive en Vigo, dedícase á música desde os oito anos. Toca a gaita, o acordeón e varios tipos de frautas e forma parte de grandes grupos: Banda Xarabal, Ardentía, Trisquel, Alberto Conde, Crema de Gaita, Pelica de Can, Riobó e outros. Ademais é profesor de gaita e dirixe a Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu, da que forma parte Mercedes Pretel, alumna do noso centro .
    Ademais de concedernos unha interesante entrevista, Marcos (gaita), a súa compañeira Elena (bombo) e Mercedes (tambor), tocaron a peza Muiñeira de Ons. Nas seguintes presentacións podedes ver imaxes da entrevista e do pequeno concerto ofrecido por estes estupendos músicos.
As composicións que acompañan ás imaxes son de Ernesto Campos: Tangalego (interpretada por Crema de Gaita) e Berce do Nel (interpretada por Pelica de Can).
    Se tedes interese en coñecer outras obras compostas por Ernesto Campos podedes acceder ao seu BLOG.


05/12/2014

Programa de radio - 3º ESO B

Este venres foron os alumnos de 3º B os encargados de retransmitir o programa de radio do Illa de Ons. A invitada entrevistada nesta ocasión foi Teté, a profesora de Música.