30/01/2008

MOCIDADE.- A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego denuncian a supresión do Xabarín Clube no horario semanal de tarde da TVG
[29/01/2008]

Ambas as seccións da Mesa considérana “un grave retroceso” e lembran que un dos obxectivos básicos da televisión pública galega é “ser ferramenta activa” no proceso de normalización da lingua

A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego, seccións da Mesa pola Normalización Lingüística, veñen de denunciar a nova modificación no horario de tarde da TVG que, como xa acontecera no pasado, deixa fóra o Xabarín Clube, o espazo televisivo infantil da canle pública por excelencia. Co novo cambio na programación, o programa liderado polo máis popular porco bravo de todos os tempos fica relegado aos sábados pola mañá e máis a un reducido oco na primeira hora da mañá pola semana de, aproximadamente, unha hora de duración.

Os colectivos pertencentes á Mesa consideran a decisión da canle pública de televisión un “grave retroceso” ao tempo que anuncian que “instarán” de xeito inmediato a dirección da TVG a reconsiderar a exclusión do Xabarín Clube do horario semanal das tardes. Tanto a sección xuvenil da asociación en defensa do idioma como o Colectivo de Nais e Pais sinalan que o espazo infantil é, desde os seus comezos, “unha ferramenta privilexiada” para a promoción da lingua que conseguiu, a través dos seus programas, actividades e contidos, transmitirlle ao público infantil e xuvenil unha imaxe “prestixiada” e “dignificada” do galego, até o punto de chegar a ser na actualidade “un dos principais referentes culturais feitos no noso idioma” para a poboación infanto-xuvenil; referentes dos que a lingua “está urxentemente necesitada”, aseguraron.

A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego aproveitan para lamentar tamén os “múltiplos problemas” aos que o Xabarín se viu sometido nos últimos anos. Os colectivos da asociación cidadá lembraron que os novos recortes “non son os primeiros” e que o espazo infantil “xa estivo practicamente desaparecido” da grella da TVG noutras ocasións “por decisións de orixe política”, retomándose nos últimos anos cunha “importante renovación” nas series, formatos e contidos feita posíbel grazas a un “equipo de profesionais comprometidos co proxecto que orixinou o Xabarín e dunha enorme valía”.


25/01/2008

VIA GALEGO.- A Fundación Via Galego pide máis peso específico da Galiza nas embaixadas que o Estado español ten nos países de lingua portuguesa
[17/01/2008]

O Estado español abrirá proximamente unha nova embaixada en Dili, capital de Timor Leste

No transcurso da XX Cimeira Hispanofrancesa celebrada o pasado 10 de xaneiro en París foi tratada, segundo diversos xornais internacionais, a posibilidade de o Estado español e francés abriren unha embaixada conxunta en Timor Leste, país asiático de lingua oficial portuguesa situado 500 quilómetros a norte da Australia.

Desde a Fundación Via Galego considérase esta unha ocasión propicia para reivindicar un maior peso da Galiza nas embaixadas que o goberno español ten abertas nos países de lingua portuguesa, polo que enviou cartas en tal sentido ao secretario de Estado de asuntos exteriores, Bernardino León Gross, e ao secretario xeral de relacións exteriores, Julio César Fernández Mato.

Trátase de promover o aproveitamento da ligazón lingüístico-cultural da comunidade autónoma galega coa lusofonía. “Este vínculo debería ser visto como unha vantaxe, unha riqueza, para o Estado”, asevera o presidente da organización galega, Carlos Callón, que acrecenta que “o lóxico é que a Galiza sexa a ponte de relacionamento natural entre o Estado español e os territorios de fala galego-portuguesa. Neste sentido o aumento do peso da Galiza nas embaixadas, sería un paso importante”.

Actualmente existen embaixadas españolas en Angola, Brasil, Cabo Verde, Mozambique, Portugal e São Tomé e Príncipe, países todos eles de lingua oficial portuguesa.

A Fundación Via Galego, declarada de interese público en outubro de 2006 e de interese galego en novembro do mesmo ano pola Xunta da Galiza, ten como un dos seus obxectivos propiciar un maior achegamento e relacionamento da Galiza cos territorios de lingua portuguesa, tentando pór en valor o idioma galego ao facer visíbeis as súas posibilidades comunicativas no plano internacional.

11/01/2008

UN 12 DE XANEIRO DE 1912 NACE EN CELANOVA CELSO EMILIO FERREIRO


Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova, 6 de xaneiro de 1912 - Vigo, 31 de agosto de 1979) foi un escritor e político galeguista.

Era de familia acomodada campesiña e galeguista. Aos 20 anos, en 1932, organizou con Xosé Velo Mosquera, entre outros, as Mocedades Galeguistas de Celanova e participou na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas en 1934. Pouco despois foi procesado por un artigo publicado en Guieiro, revista que el mesmo dirixía. Mobilizado para a Guerra Civil Española polas tropas de Franco, estudou Dereito, contribuíu en diversos xornais e revistas e en 1966 emigrou a Venezuela, onde colaborou coa "Hermandade Galega", fundou o "Patronato da Cultura Galega", e traballou no gabinete do Presidente Caldera.

Ao voltar da emigración instalouse en Madrid, onde traballou de xornalista. Ten prosa e poesía en castelán e galego, destacando na poesía en galego, de fundo contido social. Foi esta a que lle deu a sona de grande escritor.


Sinatura de Celso Emilio, sen data
Sinatura de Celso Emilio, sen data
Sinatura de Celso Emilio, cando tiña 17 anos, procedente do libro de preceptiva literaria Epístola á los pisones
Sinatura de Celso Emilio, cando tiña 17 anos, procedente do libro de preceptiva literaria Epístola á los pisones
Sinatura de Celso Emilio cando tiña 19 anos (29 de maio de 1929) procedente do libro de preceptiva literaria 'Epístola á los pisones'.
Sinatura de Celso Emilio cando tiña 19 anos (29 de maio de 1929) procedente do libro de preceptiva literaria 'Epístola á los pisones'.

UN 11 DE XANEIRO DO ANO 1859 NACEU EN CARBALLO ALFREDO BRAÑAS


Alfredo Brañas Menéndez (Carballo 1859 - Santiago de Compostela 1900), foi un escritor e ideólogo do rexionalismo galego decimonónico.

Fillo dun rexistrador da propiedade, pasou a infancia en Cambados. Entre 1869 e 1873 estudou o bacharalato en Santiago, e posteriormente estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trala morte do seu pai consegue rematar os seus estudos grazas á nai dun amigo que lle pagou a carreira, e xa mentres estudaba comezou a escribir na prensa, e o xornal compostelán El Porvenir dirixido por Antonio Toledo Quintela, foi o primeiro no que colaborou.

En 1878 ao remate dos seus estudos, volta a Cambados e traballa nunha notaría, en 1881 volta a Santiago para colaborar no novo diario de Antonio Toledo Quintela, El Libredón, e comeza a exercer de avogado e a participar nos círculos católicos-tradicionalistas da cidade e a escribir poesía en castelán, e en menor medida en galego. Entre 1884 e 1885 foi secretario xeral da USC. En 1885 escribe El Principio Fundamental del Derecho, no que recompila e resume as leccións que dera ese ano para poder obtar a unha praza de profesor auxiliar, que acaba conseguindo. Entre 1885 e 1887 foi o director de El Libredón, comeza colaborando co seu sucesor, El Pensamiento Galaico, pero acaba abandonándoo polo carlismo declarado do xornal.

En 1887 obtén por oposición a cátedra de dereito natural da Universidade de Oviedo, alí publica Fundamentos del Derecho de propiedad e xa en 1888 marcha de novo a Santiago ao obter a cátedra de economía política desa cidade.

En 1889 publica en Barcelona El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario, que foi aceptada por todos os sectores do galeguismo como un referente. En 1890 déuselle unha homenaxe en Santiago, que supuxo a primeira xuntanza de todos os galeguistas nun ambiente de unidade, independentemente das diferentes tendencias nas que se dividía, e constituíu o punto de partida da mobilización rexionalista. A obra tamén obtivo gran repercusión entre o rexionalismo catalán.

Brañas foi concelleiro en Santiago entre 1890 e 1891, e en 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega e escribe no seu voceiro, La Patria Gallega, no que Brañas fala por primeira vez de Galicia como nacionalidade. Participa nos Xogos Florais de Tui de 1891, nos que pola primeira vez nun discurso público emprega o galego, nese mesmo desaparece a ARG logo dun enfrontamento entre o sector liberal de Manuel Murguía e o católico tradicionalista de Brañas. Pero en xullo de 1892 Brañas e varios dos seus seguidores acoden á homenaxe a Murguía co gallo do seu nomeamento como bibliotecario da USC e dela xorde a encarga para Brañas de redactar as Bases generales del regionalismo y su aplicación a Galicia, as Bases, influenciadas polas Bases de Manresa, no que presenta un modelo práctico de descentralización. En 1893 participa na mobilización co resto dos rexionalistas contra do traslado ca capitanía xeneral da Coruña a León.

Viaxa a Cataluña como mantedor dos Jocs Florals de Barcelona en 1893, e xa antes publicara artigos comparando os rexionalismos galegos e cataláns nas publicacións barcelonesas La Renaixença ou La España Regional.
En 1894 publica Historia Económica e un Curso de Hacienda Pública en 1896 e nese ano estrea o drama La Voz de la Sangre y la Voz de la Patria.

Foi un dos fundadores do Ateneo León XIII (1896) en Santiago e o Círculo Católico de Obreros seguindo as directrices do papa León XIII no súa encíclica Rerum Novarum.

A crise do 98 vai provocar un certo enfriamento das súas posicións rexionalistas e o seu achegamento ao carlismo.

O rexionalismo de Brañas baseábase nun catolicismo e un historismo tradicionalista que lle serve para reclamar as liberdades antigas, ao tempo que arremete contra a industrialización, o liberalismo e o capitalismo, reclamanto a volta aos gremios.