30/01/2008

MOCIDADE.- A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego denuncian a supresión do Xabarín Clube no horario semanal de tarde da TVG
[29/01/2008]

Ambas as seccións da Mesa considérana “un grave retroceso” e lembran que un dos obxectivos básicos da televisión pública galega é “ser ferramenta activa” no proceso de normalización da lingua

A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego, seccións da Mesa pola Normalización Lingüística, veñen de denunciar a nova modificación no horario de tarde da TVG que, como xa acontecera no pasado, deixa fóra o Xabarín Clube, o espazo televisivo infantil da canle pública por excelencia. Co novo cambio na programación, o programa liderado polo máis popular porco bravo de todos os tempos fica relegado aos sábados pola mañá e máis a un reducido oco na primeira hora da mañá pola semana de, aproximadamente, unha hora de duración.

Os colectivos pertencentes á Mesa consideran a decisión da canle pública de televisión un “grave retroceso” ao tempo que anuncian que “instarán” de xeito inmediato a dirección da TVG a reconsiderar a exclusión do Xabarín Clube do horario semanal das tardes. Tanto a sección xuvenil da asociación en defensa do idioma como o Colectivo de Nais e Pais sinalan que o espazo infantil é, desde os seus comezos, “unha ferramenta privilexiada” para a promoción da lingua que conseguiu, a través dos seus programas, actividades e contidos, transmitirlle ao público infantil e xuvenil unha imaxe “prestixiada” e “dignificada” do galego, até o punto de chegar a ser na actualidade “un dos principais referentes culturais feitos no noso idioma” para a poboación infanto-xuvenil; referentes dos que a lingua “está urxentemente necesitada”, aseguraron.

A Mocidade pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego aproveitan para lamentar tamén os “múltiplos problemas” aos que o Xabarín se viu sometido nos últimos anos. Os colectivos da asociación cidadá lembraron que os novos recortes “non son os primeiros” e que o espazo infantil “xa estivo practicamente desaparecido” da grella da TVG noutras ocasións “por decisións de orixe política”, retomándose nos últimos anos cunha “importante renovación” nas series, formatos e contidos feita posíbel grazas a un “equipo de profesionais comprometidos co proxecto que orixinou o Xabarín e dunha enorme valía”.


Nenhum comentário: