22/05/2008

RUXE-RUXE

"Xigantes" (PAI-Música 2008) é o novo traballo discográfico dun dos grupos de rock máis importantes do actual panorama musical galego: Ruxe-Ruxe. Un disco que ten un coidadoso equilibrio contemporáneo, compacto e cheo de enerxía e entusiasmo no que a banda de Aríns amosan a madurez acadada ao longo destes anos.

20/05/2008

EN DEFENSA DO GALEGO


O domingo 18 de maio polas rúas de Santiago, milleiros de galegos e galegas de tódalas idades reclamamos o dereito coma galegos a usarmos o noso idioma nas nosas relacións coa administración, nos centros de traballo, na nosa vida diaria... en Galicia.

MEMORIA DE ADÁN

Memoria de Adán. Así se titula o conxunto de escritos que desde xaneiro de 2008 está elaborando Adán L. Domínguez Falcón, alumno de 4ºB. Nos seus escritos Adán retrata cunha memoria extraordinaria e unha gran precisión nos detalles unha historia familiar real –a da súa familia- que se vincula a dous eixos: o mar e a illa de Ons. Seguindo o que Adán escribe descubrimos un mundo ao tempo próximo e afastado: historias de pesca, naufraxios, a vida cotiá na Illa, a morte dunha vaca,… e sen dúbida un mundo integrado no tempo e na natureza do cal temos moito que aprender, un mundo comunitario e solidario, no que axudar ao outro é o natural.
A grande riqueza lingüística, tanto pola expresividade como polo vocabulario mariñeiro, son un valor fundamental nesta obra.
Encontramos Memoria de Adán nunha Googlepage á que se pode chegar seguindo unha ligazón que se encontra no blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou no da Biblioteca.

14/05/2008

REVISTA UMBRELA NÚMERO 10

Estamos en Internet. Podes encontrar os números atrasados de Umbrela visitando o blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou ben o da Biblioteca do IES Illa de Ons. Para chegar a esta revista encóntrase unha ligazón na parte dereita que leva directamente a unha Googlepage onde podes ler Umbrela 10.

LORETTA MARTIN:


DIARIOS DE ADRIANA E JACKY

  1. Diarios de Adriana e Jacky. Este é o título dunha novela que comezou a escribirse no IES Illa de Ons en febreiro do 2008. Tamén aquí falamos dun colectivo literario, que se chama Doussabores, e está constituído por Mónica Rodríguez e Mª Elisa Dios, de 4ºB. O que parecía unha ocorrencia da xuventude, e que podía ter rematado no capítulo I, encóntrase xa, cando escribimos esta presentación, no capítulo XVII, o cal en si mesmo é un mérito. Tamén é un mérito que sexa interesante, como din algúns dos que a comezaron a ler. A temática é a que se recolle nos diarios persoais das dúas protagonistas, que estudan nun instituto de Vigo 4º de ESO. Elas falan de amor, da amizade, de drogas, de anorexia,… en fin, da realidade que viven a diario. Cada unha fala coa súa voz, sen compartir a información coa outra.

Encontramos os Diarios de Adriana e Jacky nunha Googlepage á que se pode chegar seguindo unha ligazón que se encontra no blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou no da Biblioteca.

13/05/2008

17 de MAIO LETRAS GALEGAS 2008

XOSÉ MARÍA

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ


ESCOLMA DE PÁXINAS WEB E SITIOS DA REDE SOBRE O ESCRITOR,PARA O SEU USO EDUCATIVO.

EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO C.E.I.P. QUINTELA (MOAÑA)

REAL ACADEMIA GALEGA

A páxina da Real Academia Galega dedicada ao escritor. O texto é de Darío Xohán Cabana,e fai referencia á biografía,obra literaria,ó erudito galeguista,ó editor,e reúne a súa bibliografía esencial.Contén fotos e imaxes.

PORTAL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Portal do día das letras galegas,con referencias biográficas e información de todos os homenaxeados.

PÁXINA DE GALIPEDIA SOBRE ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

A Páxina da Galipedia sobre Álvarez Blázquez,con biografía,e bibliografía do autor estruturada según o xénero.Recolle tamén os premios outorgados e ligazóns a outras páxinas.


CULTURA GALEGA

Publica a noticia da elección do escritor como homenaxeado nas LG 2008,e explica de xeito breve os seus méritos.

PAXINA WEB DE CELS0 ÁLVAREZ CÁCCAMO

Unha páxina moi completa,por ampla,profunda e precisa.Fermosa reportaxe fotográfica,reúne moreas de materiais ,desde documentos sonoros a citas xornalísticas .Feita desde o respecto e admiración dun fillo.

BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA

A páxina da Biblioteca Virtual Galega sobre o autor,con todos os seus libros e outras informacións.

PRAZA DAS LETRAS-ALVAREZ BLÁZQUEZ

Contén pequena recensión biográfica e as portadas dalgúns libros .

SEMINARIO GALÁN

Esta páxina ten unha biografía e a súa obra, recollidas de xeito moi didáctico.

MANIFESTO DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

  2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

  3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

  4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.

Lembra que o vindeiro domingo 18 de maio esta grande manifestación partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.



APOIOS Ó MANIFESTO: