[17/01/2008]
O Estado español abrirá proximamente unha nova embaixada en Dili, capital de Timor Leste
No transcurso da XX Cimeira Hispanofrancesa celebrada o pasado 10 de xaneiro en París foi tratada, segundo diversos xornais internacionais, a posibilidade de o Estado español e francés abriren unha embaixada conxunta en Timor Leste, país asiático de lingua oficial portuguesa situado 500 quilómetros a norte da Australia.Desde a Fundación Via Galego considérase esta unha ocasión propicia para reivindicar un maior peso da Galiza nas embaixadas que o goberno español ten abertas nos países de lingua portuguesa, polo que enviou cartas en tal sentido ao secretario de Estado de asuntos exteriores, Bernardino León Gross, e ao secretario xeral de relacións exteriores, Julio César Fernández Mato.
Trátase de promover o aproveitamento da ligazón lingüístico-cultural da comunidade autónoma galega coa lusofonía. “Este vínculo debería ser visto como unha vantaxe, unha riqueza, para o Estado”, asevera o presidente da organización galega, Carlos Callón, que acrecenta que “o lóxico é que a Galiza sexa a ponte de relacionamento natural entre o Estado español e os territorios de fala galego-portuguesa. Neste sentido o aumento do peso da Galiza nas embaixadas, sería un paso importante”.
Actualmente existen embaixadas españolas en Angola, Brasil, Cabo Verde, Mozambique, Portugal e São Tomé e Príncipe, países todos eles de lingua oficial portuguesa.
A Fundación Via Galego, declarada de interese público en outubro de 2006 e de interese galego en novembro do mesmo ano pola Xunta da Galiza, ten como un dos seus obxectivos propiciar un maior achegamento e relacionamento da Galiza cos territorios de lingua portuguesa, tentando pór en valor o idioma galego ao facer visíbeis as súas posibilidades comunicativas no plano internacional.
Nenhum comentário:
Postar um comentário