26/06/2009



Reunión da coordinadora de equipos de normalización co conselleiro de educación e máis o secretario xeral de política lingüística

Propostas para o consenso da Coordinadora Galega de ENDL.

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) quere mostrar a súa preocupación e malestar ante a polémica que se orixinou nos últimos tempos arredor da lingua galega no ensino. Esta polémica é moi negativa para a convivencia nos centros e polo tanto para a educación en xeral e para a lingua galega en particular. Por este motivo a CGENDL quere facer algunhas PROPOSTAS PARA O CONSENSO:

1. O marco lexislativo educativo ten que evitar a confrontación na comunidade escolar.
2. O alumnado non pode ser segregado por razón de lingua.
3. Débese garantir a presenza do galego no ensino ao 50% como mínimo para poder acadar a competencia nas dúas linguas cooficiais. Só así o alumnado poderá escoller en liberdade.
4. Téñense que elaborar materiais didácticos, de calidade e actualizados, en lingua galega para todas as materias e todos os ciclos educativos, que suplan as carencias existentes.
5. Hai que ofrecerlle ao profesorado cursos de reciclaxe e capacitación en lingua galega; para isto é imprescindible contar cun programa previo de formación de formadores.
6. Cada centro debe seguir elaborando o seu Proxecto lingüístico, que é a base para que os ENDL desenvolvan as súas funcións unha vez analizada a situación sociolingüística do centro.
7. Decreto de infantil.
1. Nesta etapa débese garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento das dúas linguas oficiais tendo en conta que a lingua minorizada precisa de maior reforzo.
2. Propoñemos que avalíen os resultados das liñas de galego en infantil de cara a manter este programa. Os informes elaborados nestes centros valoran moi positivamente estes proxectos xa que permitir
on conseguir que todo o alumnado adquirise a competencia nas dúas linguas oficiais, fose cal fose a lingua inicial dos rapaces e rapazas.
8. Equipos de Normalización e Dinamización.
1. Débense implementar programas de formación en dinamización lingüística para o profesorado interesado.
2. Hai que potenciar as coordinacións intercentros.
3. Téñense que consolidar as funcións das coordinadoras provinciais dependentes da SXPL.
9. A administración debe realizar campañas efectivas de dignificación da lingua, que comecen polo propio goberno da Xunta. A situación do galego é moi delicada, por iso algunhas accións e declaracións realizadas nos últimos tempos cuestionan o labor de recuperación do galego feito ata o momento.
10. Parécenos inadecuado que a enquisa sexa a base dun decreto novo. Esta consulta, tal e como foi realizada, non pode ter ese peso nunha lexislación educativa. En cambio, débense ter en conta conta os diferentes datos sociolingüísticos existentes tirados de estudos elaborados con rigorosidade (MSG, IGE), así como os diferentes Proxectos Sociolingüísticos de Centro realizados nos últimos anos.

Por todo isto desde a CGENDL, como parte fundamental do sistema educativo, queremos participar na elaboración de calquera documento que lexisle o uso das linguas no ensino.

18/06/2009

PRECONCEPTOS SOBRE AS LINGUAS

Conferencia do profesor Juan Carlos Moreno Cabrera da universidade autónoma de Madrid
falando das linguas,en pasado, presente e futuro.

08/06/2009

MANIFESTO DA COORDINADORA DE ENDL DE GALICIA


http://www.coordinadoraendl.org/index.php



APOIA COA TÚA FIRMA O IDIOMA

A nosa firma é unha das letras que forma parte das miles de palabras do noso idioma !.

Adhesión de docentes


Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:

1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.

2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.

3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.

4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.

Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.



http://www.coordinadoraendl.org/docentes.php?#anc
Coordinadora Galega de ENDL

QUE É UN ENDL (Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística)?

É un órgano consultivo e dinamizador dos centros de ensino para os eidos lingüístico e cultural. Forma parte da estrutura administrativa, docente e didáctica dos centros e está integrado por mestres/as e profesores/as dos distintos niveis, por alumnos/as (cando a idade o permite) e por representantes do persoal non docente.

A súa función primordial é conseguir que os alumnos/as poidan chegar a ser competentes na lingua galega e usala digna e normalmente.

QUE É A COORDINADORA GALEGA DE ENDL?

A Coordinadora Galega de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) é unha plataforma creada coa intención de coordinar actividades e experiencias, e ademais servirlle de voz pública aos ENDL que traballan nos centros de ensino.

Está formada por Equipos de centros públicos, privados e concertados, e deles formamos parte profesionais do ensino que levamos anos traballando en prol do galego; persoas de ideoloxías moi plurais, unidas por un mesmo ideario lingüístico: o galego é a lingua propia de Galicia, tal e como di o noso Estatuto de Autonomía.

QUE QUEREMOS?

  1. QUE a lingua galega siga sendo parte do noso patrimonio cultural e da nosa identidade e, como tal, un ben común que nos une.
  2. QUE se garanta que todo o alumnado sexa competente nas dúas linguas cooficiais da Comunidade ó final do ensino obrigatorio. Só a partir do coñecemento e da ausencia de prexuízos lingüísticos é posible a liberdade de elección de linguas.
  3. QUE na actual situación sociolingüística de Galicia, na que o galego está a perder falantes como demostran os datos do Mapa Sociolingüístico de Galiciao sistema educativo ofreza ó alumnado espazos de uso, porque as linguas apréndense usándoas.
  4. QUE non se discrimine o alumnado por razón de lingua, tal e como se regula na Constitución Española no artigo 14 e no Estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 5.4.
  5. QUE o noso alumnado estea formado para poder desenvolverse nunha Europa plurilingüe. Diversos estudos demostran que o alumnado de comunidades bilingües obtén iguais ou mellores resultados académicos cós das comunidades monolingües.